Thursday 25 de April de 2024

Galicia solicitará Fondos Europeos para continuar o proxecto “Biogov” de protección da biodiversidade, unha iniciativa que aspira a liderar a partir do vindeiro ano


— A Xunta e os seus oito socios europeos acordan presentar unha nova candidatura á próxima convocatoria do Interreg Europe, prevista para o primeiro trimestre de 2022

— A piques de completar a primeira fase do proxecto, centrada máis na aprendizaxe e na redacción de plans de acción, o obxectivo a partir de agora será poñer en práctica os coñecementos adquiridos a través do impulso de proxectos piloto sobre o terreo

Galicia e os seus socios europeos no proxecto Biogov (Celebrando a gobernanza da biodiversidade) queren darlle continuidade a esta iniciativa, impulsada no ano 2018 ao abeiro do programa Interrreg Europe e que ten como obxectivo axudar ás rexións participantes a optimizar a eficacia dos fondos Feder destinados á mellora da paisaxe e da biodiversidade a través do intercambio de experiencias, información e coñecementos.

Con este fin, responsables políticos dos oito países e rexións implicados no proxecto acordaron hoxe presentar unha nova candidatura á próxima convocatoria do Interreg, prevista para o primeiro trimestre de 2022. Se esta segunda fase resulta elixida e recibe financiamento europeo, a proposta unánime dos socios de Biogov é que Galicia asuma o liderado e a coordinación da iniciativa durante os próximos anos.

Esta foi unha das principais conclusións do encontro de traballo que reúne desde onte en Bruxelas aos representantes do consorcio Biogov e no que participa en nome da Xunta o director do Instituto de Estudo do Territorio (IET), Enrique de Salvador.

Cómpre lembrar que Biogov é un proxecto novidoso e de carácter colaborativo que conta cun total de oito socios, ademais de Galicia: os Países Baixos (provincia de Fryslân), actual líder do proxecto; Bélxica (Axencia de Terras Flamencas); Polonia (Rexión Lodzkie); Romanía (Axencia para a protección ambiental de Mures e a Fundación ADEPT de Transilvania); Bulgaria (Asociación de xestión búlgara); Eslovenia (Instituto Forestal Esloveno); e Suecia (Xunta administrativa comarcal de Västra Götaland).

No caso galego, os traballos desenvolvidos desde 2018 centráronse na protección e restauración da biodiversidade dentro da grande área paisaxística das Serras Orientais —definida no Catálogo das Paisaxes de Galicia— e máis concretamente, no concello de Cervantes, elixido polo IET como zona piloto por ser un municipio no que máis do 90% da superficie está en Rede Natura 2000 e tamén por ter un marcado carácter gandeiro.

De feito, os representantes das nove entidades implicadas nesta primeira fase de Biogov —centrada máis na análise e na definición de instrumentos políticos de planificación— dedicaron a xornada de onte a facer un balance das conclusións xerais e da experiencia acumulada nos seus respectivos territorios durante os últimos catro anos, tendo en conta que o proxecto finaliza en maio de 2022.

Así, en nome da Xunta, o director do IET aproveitou este evento final celebrado en Bruxelas para poñer en valor o potencial deste tipo de iniciativas colaborativas, xa que permiten coñecer a realidade de rexións diferentes pero que deben afrontar retos moi semellantes e compartir experiencias para coñecer as mellores prácticas que se están levando a cabo en cada país, así como a súa posible aplicación noutras zonas.

De igual xeito, fixo fincapé na conectividade ecolóxica a diferentes escalas (local, rexional, nacional e europea) como factor crucial para a biodiversidade, que require unha visión conxunta e coordinada. E finalmente indicou que o financiamento multisectorial tamén pode funcionar a nivel europeo para lograr obxectivos multifuncionais.

Segunda fase sobre o terreo
Durante a xornada de traballo de hoxe e tendo en conta que a primeira fase de Biogov encara xa a súa recta final, os membros do consorcio acordaron continuar co seu desenvolvemento a través dunha segunda fase de carácter moito máis práctico, polo que encaixaría na nova convocatoria de axudas do programa Interreg Europe, focalizada na realización de proxectos piloto sobre o terreo.

Así mesmo, todos os socios coincidiron en propoñer que, se esta nova candidatura sae adiante e recibe financiamento comunitario, sexa Galicia quen asuma a súa dirección e liderado a partir do ano que vén, en substitución dos Países Baixos, unha proposta que Enrique de Salvador aceptou en nome da Xunta. O obxectivo común será avanzar na posta en marcha de medidas e iniciativas concretas que permitan seguir protexendo a biodiversidade de cada rexión a través de fondos europeos.

No caso galego, De Salvador explicou que a intención da Xunta é impulsar varios proxectos piloto na mesma zona xeográfica na que se desenvolveu a primeira fase de Biogov. Deste xeito e tomando como base o plan de acción elaborado polo IET, o próximo obxectivo será executalo, para o que resultará imprescindible, dixo, lograr a implicación dos diferentes axentes sociais e particularmente, da poboación local.

Tras a reunión de traballo celebrada esta mañá en Voeren, a comitiva do proxecto Biogov desprazouse ata o val do río Gulp para coñecer in situ unha das dúas zonas seleccionadas polos socios belgas para desenvolver a primeira fase da iniciativa, unha visita coa que se puxo punto e final ao programa da viaxe.